ACTIVIDADES

Lola Sangiao facendo unha empanada
A Asociación Cultural Amigos da Empanada desenvolve ao longo do ano múltiples actividades co obxectivo de dinamizar a vila da Bandeira a través da cultura e a gastronomía. A continuación, amosamos os principais eventos:
O RECUNCAR DA BANDEIRA

Sesión vermú do Recuncar

Comida da veciñanza no Recuncar
A vila da Bandeira sempre destacou pola súa actividade cultural e social. O Recuncar nace no ano 2022 co obxectivo de reunir a toda a veciñanza durante toda unha xornada festiva. Comida e bebida a cachón mestúranse en perfecta harmonía coa troula en forma de karaoke, xogos tradicionais, pregón e música ata altas horas no corazón do pobo.
SAN CRISTOVO

Camións durante a procesión

Actuación de Xirandola no San Cristovo
O San Cristovo é unha das tradicións máis lonxevas da Bandeira. A concorrida procesión e bendición de camións e outros vehículos culmina cunha gran mexillonada gratuíta ao son da música. A tradición de Xirandola e diferentes grupos musicais completan unha xornada que rende homenaxe aos profesionais do mundo do transporte.
ENTROIDO DE VERÁN

Público bailando no Entroido de Verán

Photocall no Entroido de Verán
A Bandeira demostra dende o ano 2017 que o entroido tamén se pode festexar en pleno mes de xullo. Numerosas horas de música e actividades para todos os públicos amenizan unha nova tradición festiva onde non existen restricións á hora de elixir disfraz.
DÍA MUNDIAL DA EMPANADA

Estrea do cartel da Festa da Empanada

Ruta da Empanada
O 8 de abril celébrase en todo o planeta o Día Mundial da Empanada. Como non podía ser doutro xeito, A Bandeira, a capital gastronómica deste produto, festexa a xornada cunha gran Gala da Empanada na que ademais de cociñar unha empanada en directo, tamén se nomean aos Valedores e Valedoras que deberán defender a cita gastronómica e a empanada galega. Esta gala, que conta coa participación de numerosas asociacións da vila, é complementada cunha ruta da empanada por todos os bares da vila.
BINGO EMPANADA

Asistentes ao Bingo Empanada.

Premios do Bingo Empanada
Amigos da Empanada organiza ao longo de todo o ano divertidos bingos que reúnen a decenas de veciños e veciñas da contorna co obxectivo de facerse cos numerosos premios doados polo comercio local. Estes bingos teñen lugar no Centro Social da Bandeira (Parchís).